Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 septiembre, 2026
O sindicato reclama medidas urxentes e efectivas para erradicar a praga e advirte do risco que esta situación supón para a seguridade alimentaria
7-9-2026.- A sección sindical de CCOO da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza denuncia a presenza de cascudas no servizo de cociña do Hospital Clínico Universitario de Santiago e reclámalle á Xerencia que adopte de maneira «inmediata» medidas efectivas para controlar e erradicar a praga. O sindicato alerta de que a situación compromete a seguridade alimentaria e xa provocou un «episodio intolerable»: o pasado 4 de setembro apareceu unha cascuda na comida dun paciente.
Segundo explica CCOO, a presenza de cascudas no servizo de cociña xa se producira de maneira esporádica, pero durante o mes de agosto proliferaron, especialmente por baixo dos fornos e dos vertedoiros, na zona dos trens de lavado. Esta situación comunicouse polas vías procedentes.
O sindicato sinala que, segundo os profesionais do servizo, unha empresa externa está aplicando un produto en determinadas zonas, pero desaparece axiña debido á limpeza a fondo que se realiza diariamente na cociña. Por este motivo, CCOO cuestiona a efectividade do método empregado e reclama coñecer que programa de control e vixilancia de pragas se está aplicando.
Para CCOO, a aparición dunha cascuda na comida dun paciente constitúe un feito «intolerable», que ademais provocou o malestar das persoas usuarias da planta e do persoal da cociña, que ten que afrontar directamente as consecuencias deste tipo de situacións.
CCOO reclámalle explicacións á Xerencia
A delegada de prevención de CCOO e membro do comité de seguridade e saúde da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza, Ana Riveiro Currais, trasladoulle á Dirección de Recursos Humanos, á Unidade de Prevención de Riscos Laborais, ao comité de seguridade e saúde e á Dirección de Relacións Externas da Área Sanitaria unha petición de información e de adopción de medidas.
En concreto, o sindicato reclama saber desde cando ten coñecemento a Dirección da presenza de cascudas na cociña, que medidas se adoptaron, que programa de control de pragas se está aplicando e que instrucións establece a empresa responsable. Tamén pregunta se existe un programa continuo de vixilancia e control e por que non se están selando as fendas e minimizando as posibles portas de entrada destes insectos.
CCOO lembra que unha infestación por cascudas supón un «problema grave» de seguridade alimentaria e solicita que se adopten «decontado» as medidas necesarias para o control e erradicación da praga, evitando que se repitan feitos como o acontecido.
O sindicato denuncia o abandono do servizo de cociña
CCOO considera que o problema das cascudas é tamén consecuencia da falta de atención que está sufrindo o servizo de cociña hospitalaria, que leva anos precisando unha ampliación e melloras. Ao respecto, critica que a resposta da Dirección consista en ir «poñendo parches» aos problemas que xorden, sen abordar as súas causas. Como exemplo desta situación, CCOO sinala que a xefatura de cociña permanece sen cubrir desde o mes de febreiro, malia as peticións dos profesionais do servizo e do propio sindicato.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)