Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 junio, 2026
A canteira do Compostela Esgrima escribiu unha nova páxina na súa historia esta pasada fin de semana en Navas de Matute (Segovia), onde os seus tres representantes brillaron no Criterium Nacional M11 (menores de 11 anos), a principal competición estatal de promoción da categoría.
Na que foi a primeira participación nacional do club nesta categoría, os tres primeiros clasificados do ranking galego —Cibrán, número un, e Xoel Díaz e Amelia Fernández, segundo e terceira respectivamente— ofreceron unha actuación sobresaliente fronte aos mellores tiradores do país.
O gran protagonista da competición foi Cibrán Alvar, que se proclamou campión de España M11 ao completar un torneo impecable. O santiagués venceu todos os seus asaltos na fase de grupos, superando a Aylan Sastre (Burgos), Alonso Abagy (Sala de Madrid), Óscar Viñé (Lázaro Cárdenas), Martín López (Alcobendas) e Héctor Panchón (Valladolid), asegurando así o pase directo ao cadro de 16 como un dos mellores clasificados.
Na fase eliminatoria derrotou a Pablo Corazón (Burgos) por 10-8 e volveu medirse con Héctor Panchón nun emocionante duelo que chegou ao final do tempo regulamentario con empate a cinco. Xa na morte súbita, Cibrán resolveu o combate cun brillante tocado á man que lle deu o triunfo por 6-5 e a clasificación para o cadro dos catro mellores.
Segundo a normativa do Criterium Nacional, deseñada para protexer aos deportistas destas idades, non se disputan as semifinais nin a final. Os catro tiradores que alcanzan esa ronda reciben directamente a medalla de ouro ex aequo, polo que Cibrán subiu ao máis alto do podio na súa estrea nun campionato nacional.
A actuación compostelá completouse cunha magnífica novena posición de Xoel Díaz, que asinou catro vitorias na primeira fase e quedou ás portas de entrar na loita polas medallas, e cun meritorio décimo cuarto posto de Amelia Fernández, tamén protagonista dunha gran competición nun torneo de máximo nivel.
Con este resultado, o Compostela Esgrima confirma o gran estado de saúde da súa canteira e pechará a tempada competitiva este sábado coa disputa da Liga Galega de Espada en Vilagarcía.
Paralelamente, o club iniciou con éxito o primeiro turno do VERÁN ESGRIMA, o seu campamento de verán que se desenvolve na sala de esgrima da Rúa Cancelas e que, un ano máis, achega este deporte aos máis novos durante o período estival.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)