Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 abril, 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, asegurou durante a súa primeira visita aos estudos de Radio Líder Santiago que Galicia vive “un momento extraordinario no ámbito cultural”, marcado por unha forte irrupción de novos creadores e pola consolidación dunha industria audiovisual e musical en galego con proxección internacional.
Durante a entrevista, o responsable autonómico puxo en valor o papel da mocidade neste proceso, sinalando que “estamos vivindo unha eclosión cultural de abaixo cara arriba, con xente moi nova comprometida coa lingua e coa cultura”. Neste sentido, destacou o impacto das redes sociais como ferramenta de difusión: “Permiten que moitos proxectos triunfen en tempos relativamente curtos, sempre coa nosa lingua como bandeira”.
López Campos insistiu en que o galego debe entenderse como un patrimonio común, afastado de confrontacións políticas: “A lingua é de todos. Incluso quen non a fala habitualmente ten un amor especial por ela”. Ao seu xuízo, Galicia atópase “nun momento doce na súa historia lingüística”, no que debe primar “a liberdade e o equilibrio”.
No ámbito audiovisual, o conselleiro subliñou o crecemento dun sector que xa combina dimensión cultural e económica: “A atracción de rodaxes supón un investimento de arredor de 2,5 millóns de euros anuais cun retorno directo superior aos 20 millóns”. Ademais, celebrou a presenza galega en grandes certames internacionais: “Estamos nun nivel moi alto, con presenza en festivais como Cannes ou os Goya”.
Outro dos eixos da súa intervención foi a necesidade de democratizar o acceso á cultura en todo o territorio. “Non podemos entender a cultura como unha cuestión de nichos ou de grandes cidades”, afirmou, destacando a recente aprobación dunha lei “inclusiva e accesible, sen ningún voto en contra”, que permitirá garantir a igualdade de acceso independentemente do lugar de residencia.
No tocante á xuventude, López Campos reivindicou a importancia de escoitar directamente ás novas xeracións: “Hai que estar onde eles están, tamén nos seus entornos dixitais”. Ao mesmo tempo, advertiu dos retos asociados, especialmente no ámbito da saúde mental: “Necesitamos unha xuventude forte física e mentalmente, e temos que estar atentos á presión que sofren”.
En clave patrimonial, o conselleiro mostrou o seu optimismo respecto á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade: “É unha gran oportunidade e un exemplo de colaboración entre administracións de distintas cores políticas”. Neste sentido, destacou “a lealdade institucional” como clave para avanzar.
Sobre Santiago de Compostela, López Campos foi crítico coa xestión actual, ao considerar que “non se está aproveitando todo o potencial da cidade”. Lembrou que a capital galega ten “unha responsabilidade importantísima como porta de entrada de Galicia” e reclamou “maior coidado e mellor atención desde o punto de vista cultural e patrimonial”.
Finalmente, en relación coa polémica das gárgolas do Hostal dos Reis Católicos, apostou polo diálogo: “A solución adoptada non é a axeitada e hai que modificala. O importante é que non hai danos irreversibles e estamos a tempo de corrixir”.
Escrito por Líder Redacción
conselleiro cultura galego galicia jose lopez campos politica xunta de galicia xuventude



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)