AD

Comarca

López Vila gaba a 34 Festa do Melindre por “protexer, poñer en valor e recuperar” os doces tradicionais de Melide

today10 mayo, 2026

Fondo
AD

O xornalista da Radio Galega pronunciou o pregón da festa máis doce de Galicia na que ademais foi nomeado embaixador, xunto a Pilar López e a ASETEM

O xornalista Xosé Luis López Vila foi o encargado de pronunciar o pregón da 34 Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, nun acto celebrado este mediodía no Cantón de San Roque no que tamén foi nomeado embaixador desta cita, xunto con Pilar López e ASETEM.

Saudou a peregrinos, turistas e visitantes nunha festa que, segundo remarcou “ten a intención máis loable: protexer, poñer en valor e recuperar os doces tradicionais desta vila de Melide. E está claro que os reposteiros o conseguiron. Agardamos que os establecementos perduren no tempo e que o relevo xeracional continúe con este valor cultural da gastronomía galega: o melindre”, precisou.

No seu discurso, o locutor da Radio Galega declarou sentirse “privilexiado e orgulloso” de ser o pregoeiro desta cita declarada de Interese Turístico Galego por estar ante a “cita gastronómica máis importante de Melide e da súa contorna”. Fixo un repaso pola súas orixes, como fillo de emigrantes galegos no País Vasco e recordou a gran cantidade de xente de Melide que atopou en Euskadi.

Destacou a importancia de que os mozos e mozas aposten polo rural, que sigan ou volvan ás aldeas para dinamizar o sector agrícola ou gandeiro ou aqueles que emprenden novos negocios para o desenvolvemento económico da súa contorna.

Ademais, reivindicou a importancia do Camiño de Santiago para Melide á que definiu como “unha vila única” pola “hospitalidade dos veciños, polo matrimonio inmaterial, o natural ou o gastronómico, que hoxe se exalta”. Recoñeceu que el mesmo aprendeu a facer un destes doces na casa de Casal de Riocobo, no Barreiro, coa axuda dos seus cuñados e cuñadas. “Levo sempre algún dos produtos desta terra para a miña casa”, engadiu.

Tamén valorou o feito de que Melide “é un dos poucos concellos que teñen vida os domingos e ocio nocturno”.

Pola súa banda, o alcalde da vila, José Manuel Pérez, referiuse ao Melindre como “tradición, identidade, cultura, sabor, artesanía e orgullo” e asegurou que ademais de todo iso “queremos que sexa futuro”. Avogou porque os doces de Melide perduren e “reinventen o seu potencial”, polo que comprometeu a impulsar “de xeito institucional non só a festa, senón a uns artesáns e produtores que co seu traballo manteñen viva unha tradición e levan o nome de Melide por todo o mundo”.

Embaixadores do Melindre

O xornalista López Vila foi nomeado hoxe embaixador da XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, organizada pola administración local, recoñecemento que tamén se lle outorgou a Pilar López López e á Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM).

A distinción de Embaixador ou Embaixadora do Melindre recoñece o labor de persoas ou institucións pola promoción de Melide e, directa ou indirectamente, da repostaría tradicional da vila.

Pilar López López

No caso de Pilar López López, o Concello destaca o seu papel como xerente de ASETEM e figura clave na dinamización do comercio local e na promoción da gastronomía e dos produtos estrela da vila, como son os ricos, melindres e amendoados.

Pilar López leva anos traballando de maneira incansable para fortalecer o tecido empresarial da vila, impulsar campañas de apoio ao comercio de proximidade e poñer en valor os produtos que definen a contorna melidense. “O seu compromiso coa comunidade, a súa capacidade de mobilización e a súa defensa constante da tradición e da calidade convértena nunha representante excepcional para esta edición da festa”, aseguran.

A pesar de non nacer en Melide, Pilar López é unha “firme” embaixadora da vila, das súas tradicións e, especialmente, do comercio, da hostalaría e das empresas locais, así como dos melindres, ricos e amendoados.
Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM)

Pola súa banda, a Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM) naceu o 30 de outubro de 1989 co obxectivo de defender os intereses do empresariado da comarca. Desde os seus inicios, a entidade integrou autónomos e empresas de diferentes sectores, converténdose nun axente clave para a dinamización económica de Melide e dos concellos da zona.

Ao longo da súa traxectoria, ASETEM mantívose fiel ao compromiso de promover o comercio e a actividade empresarial local, dando un paso decisivo en 2005 coa súa constitución como Centro Comercial Aberto e consolidándose en 2010 como colectivo único de representación empresarial tras a integración doutras asociacións.

Na actualidade, continúa a ser un referente no apoio, modernización e fortalecemento do tecido económico da Terra de Melide. Ademais, “destaca polo impulso de numerosas iniciativas entre os seus asociados e asociadas para promover e poñer en valor a Festa do Melindre e a repostaría tradicional, así como os produtos máis representativos da comarca: amendoados, ricos e melindres”, aseguran dende o Goberno local.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *