AD

Deportes

Luis Penido supera unha odisea mecánica para puntuar en Eslovenia

today30 agosto, 2026

Fondo
share close
AD

Unha avaría mecánica obrigou o equipo compostelán a buscar repostos en Croacia e traballar durante a noite para conseguir que Luis Penido puidese tomar a saída e completar as dúas mangas de carreira.

Ilirska Bistrica (Eslovenia), 30 de agosto de 2026. O Luis Penido Rally Team completou unha das fins de semana máis esixentes da súa tempada europea na 32.ª GHD I Feel Slovenia Ilirska Bistrica, penúltima cita do FIA European Hill Climb Championship 2026. A formación compostelá conseguiu superar importantes problemas mecánicos e clasificar o Mini, completando as dúas mangas oficiais de carreira e sumando un valioso resultado no certame continental.

O principal contratempo chegou durante a xornada do sábado. A rotura do tensor da correa de accesorios provocou un sobrequecemento do motor e unha notable perda de potencia, poñendo en serio risco a continuidade do equipo na competición.

A situación complicouse aínda máis ante a imposibilidade de atopar en Eslovenia os compoñentes necesarios para efectuar a reparación. Lonxe de darse por vencido, o equipo iniciou unha auténtica carreira contra o reloxo: varios dos seus integrantes desprazáronse por estrada ata Rijeka, en Croacia, para conseguir unha nova correa e o tensor necesario.

Coas pezas finalmente no paddock de Ilirska Bistrica, comezou unha longa noite de traballo. Os mecánicos do Luis Penido Rally Team, coa colaboración dos integrantes do equipo suízo de Reto Meisel, traballaron intensamente para reparar o Mini e conseguir que estivese novamente operativo a tempo para afrontar a decisiva xornada do domingo.

O esforzo deu resultado. Luis Penido puido tomar a saída nas dúas mangas oficiais de carreira e completar ambas subidas, aínda que o vehículo non puido ofrecer o seu rendemento habitual. O piloto compostelán rexistrou os dous tempos necesarios para clasificar e puntuar, culminando así una fin de semana na que terminar a competición se converteu, dadas as circunstancias, nun auténtico éxito colectivo.

«Foi unha fin de semana moi complexa, que puxo a proba a capacidade de reacción de todo o equipo. O traballo dos mecánicos foi extraordinario. Conseguir as pezas, reparar o coche durante a noite e poder estar na saída o domingo foi un enorme esforzo. Grazas a eles puidemos completar as dúas mangas e salvar un resultado importante para o campionato», sinalou Luis Penido ao remate da proba.

A cita eslovena rompeu, ademais, unha extraordinaria serie de fiabilidade do Mini do equipo galego, que chegaba a Ilirska Bistrica tras acumular máis de 30 carreiras consecutivas sen sufrir unha avaría mecánica.

Superado un dos fins de semana máis difíciles do ano, o Luis Penido Rally Team centra xa todos os seus esforzos na preparación da última proba do Campionato de Europa de Montaña 2026, que se disputará en Croacia dentro de tres semanas.

O equipo compostelán afrontará esta última cita coa determinación de pechar da mellor maneira posible unha intensa campaña internacional, na que tanto Luis Penido como toda a estrutura técnica volveron demostrar en Eslovenia que a capacidade de sacrificio, o traballo en equipo e a perseveranza son tamén parte fundamental da competición.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *