Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O alcalde de Brión, Pablo Lago, deixou aberta a incógnita sobre o seu futuro político ao asegurar que aínda non sabe se volverá presentarse ás próximas eleccións municipais nin baixo que siglas o faría. Nunha entrevista na que repasou a actualidade do municipio, o rexedor insistiu en que a súa prioridade segue sendo “traballar polos veciños” e non a estratexia electoral.
“Non estou pensando nas eleccións. Estou pensando en sacar adiante todo o que temos enriba da mesa”, asegurou Lago, quen recoñeceu que a decisión dependerá de “ter ganas e forza” para continuar á fronte do Concello.
O alcalde foi incluso máis alá ao ser preguntado pola súa continuidade no PSOE, formación coa que chegou á alcaldía, e non descartou ningún escenario político.
“Chegado o momento tomarei a decisión de se sigo no Partido Socialista, se vou independente, se vou no PP ou se vou no BNG”, afirmou. “Por enriba das siglas están os veciños”, engadiu.
As declaracións chegaron ao final dunha conversa na que Pablo Lago abordou diferentes asuntos da actualidade municipal, desde a celebración da Andaina Terras de Altamira ata a situación do GES ou os proxectos de futuro para Brión.
Máis de mil participantes na Andaina
O rexedor destacou o éxito da nova edición da Andaina Terras de Altamira, unha cita que se celebrará esta fin de semana e que xa pechou inscricións con 1.150 participantes.
“Empezou case de chiste con 200 persoas e agora converteuse nun referente da comarca”, explicou o alcalde, que agradeceu o traballo da asociación organizadora, dos voluntarios e das empresas colaboradoras.
Segundo indicou, o evento serve tamén para “poñer en valor o territorio” e o carácter natural dun municipio que definiu como “un concello rural con moitos servizos e cun entorno espectacular”.
Reivindicación do GES
Outro dos asuntos centrais da entrevista foi o funcionamento do GES de Brión. Lago defendeu a importancia dun servizo “fundamental” para a comarca e reclamou máis implicación económica dos municipios aos que tamén atende.
“É de ben nacidos ser agradecidos. Se prestamos un servizo supramunicipal, tamén debería existir unha colaboración”, sostivo.
O alcalde explicou que os problemas para cubrir baixas se deben á falta de persoal cualificado nas bolsas de emprego. “Non temos unha vara máxica para fabricar persoal”, lamentou.
En todo caso, insistiu en que seguirá defendendo a continuidade do servizo de emerxencias: “Eu vou pelexar sempre para manter o GES porque considero que é esencial”.
Críticas ás redes sociais
Durante a entrevista, Pablo Lago tamén cargou contra os ataques anónimos nas redes sociais e lamentou o clima de crispación que, ao seu xuízo, existe nalgunhas publicacións.
“As críticas construtivas hai que aceptalas, pero non todo vale”, afirmou. “Non vou permitir insultos nin faltas de respecto ás persoas que están traballando polo Concello”, advertiu.
O rexedor confirmou ademais que algunhas situacións poderían acabar nos tribunais ao considerar que “se traspasaron certas liñas”.
Novos proxectos para Brión
En materia de investimentos, Lago avanzou o desenvolvemento de varias actuacións, entre elas a renovación do alumeado público, a ampliación do pavillón, a mellora do campo de fútbol de Bastavales ou a construción das beirarrúas de Mouro.
Tamén confirmou a intención do Concello de impulsar un gran edificio multifuncional con auditorio, biblioteca e espazos culturais e sociais.
“Non podemos pensar en pequeno. Brión está medrando e temos que pensar en grande”, sinalou.
O alcalde explicou que o Concello xa adquiriu unha parcela destinada exclusivamente a este proxecto e que buscará financiamento doutras administracións para poder executalo.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)