Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 diciembre, 2023
15 de decembro de 2023.
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou hoxe que a visita de Pedro Sánchez a Galicia é parte do “Amnistía Tour” que o ten a el como artista principal pero conta con “demasiados invitados”, lamentando neste sentido que “os galegos e galegas, incluso os que votaron ao PSOE, van ter que pagar unha entrada que custa 400 euros por persoa”.
En declaracións aos medios antes de reunirse cos membros da Comisión de Emprego do PPdeG, a número dous dos populares galegos afirmou ademais que se Pedro Sánchez vén a Galicia é “porque é o lugar onde ten o PSOE máis servil e disposto a aplaudirlle que aprobe unha barbaridade como é a Lei de Amnistía”.
“Mentres aos independentistas lles outorga privilexios e millóns de euros, o único que o socialismo ofrece aos galegos son recortes de dereitos e mitins”, engadiu ao tempo que ironizaba con que “a Pedro Sánchez só lle falta vir a Galicia cunha hucha para recadar os 400 euros que cada galego terá que pagar pola súa investidura”.
A pesar de todo isto, Paula Prado ten claro que a verdadeira razón de Pedro Sánchez é o feito de que “o seu candidato en Galicia é un bluf ao que teñen que meter a calzador en todas as convocatorias oficiais da Delegación do Goberno e da Deputación da Coruña”. Algo que “sería escandaloso se non fose ridículo” e que da pé a que “calquera día manden ao candidato socialista a Xenebra xunto ao mediador do Salvador como recadeiro de Sánchez”.
OS AUTÓNOMOS SON IMPRESCINDIBLES NO DEVIR DE GALICIA
Isto é, para a número dous dos populares galegos, o día a día do país co PSOE apoiado por Podemos, Sumar e un BNG “que sempre elixe o lugar equivocado”. Algo que se reflicte tamén á hora de tomar medidas en beneficio dos autónomos, xa que “mentres o Goberno galego está a carón deste colectivo e o apoia con feitos, o Goberno de España só pon atrancos ao seu futuro”.
Referiuse así á recente decisión do Ministerio de Facenda de eliminar o alivio fiscal que compensaba a suba da inflación e que suporá que os autónomos por módulos vaian ter que pagar máis IRPF e máis IVE.
“No PPdeG somos conscientes de que o emprego é un dos eixos fundamentais do benestar dos galegos e galegas e de que os autónomos son un colectivo imprescindible no devir de Galicia”, asegurou Paula Prado ao tempo que incidía en que o presidente Rueda “é consciente das dificultades económicas e burocráticas que este colectivo afronta cada día” e que por iso é unha das prioridades do seu Goberno axudalos.
De aí que os Orzamentos do 2024 inclúan unha partida de 45 millóns de euros destinados aos autónomos e que se vaia implantar a “cota cero” para autónomos que inicien a súa actividade o próximo ano.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)