AD

Actualidad

O PSdeG denuncia a falta de transparencia de Sanmartín sobre o mantemento dos viais do rural

today6 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD

Marta Abal advirte de que desde distintos puntos do rural están trasladando problemas graves de mantemento que non están sendo atendidos e reclama ao goberno local que aclare as actuacións previstas.

As e os socialistas esixen coñecer as pavimentacións que se están executando, as previstas para os próximos meses e os criterios técnicos para priorizalas, unha información imprescindible para facer un seguimento rigoroso do Pacto polo Rural.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal reclamou ao goberno da señora Sanmartín transparencia e planificación sobre as actuacións de mantemento e pavimentación dos viais do rural compostelán, despois de que veciñas e veciños de distintos puntos estean trasladando problemas que continúan sen solución.

Abal lembrou que as e os socialistas xa advertiron no último Pleno de que “as actuacións para o cumprimento do Pacto polo Rural teñen que ir acompañados de transparencia, planificación e información para os veciños e veciñas do rural compostelán”, unha esixencia que cobra especial relevancia ante as deficiencias que se están detectando.

Neste sentido, a concelleira explicou que “desde distintos ámbitos do rural están a trasladarnos que existen problemas graves de mantemento dos viais que non están sendo atendidos” e advertiu de que, ao mesmo tempo, a veciñanza “descoñece se se lles vai poñer solución nunha época do ano que é a máis axeitada para realizar estes traballos”.

Por iso, Abal reclamou ao goberno local “que sexa transparente coas actuacións de pavimentación que se están executando e cales ten previstas para os próximos meses”, así como cos “criterios técnicos que se empregan para priorizalas”, para que a veciñanza poida coñecer cando e como se vai actuar.

A socialista incidiu en que se trata dunha información que dende o grupo municipal socialista “xa solicitamos en reiteradas ocasións, tanto no ámbito rural como no urbano” e que resulta “imprescindible” para coñecer a planificación municipal e avaliar o cumprimento dos compromisos adquiridos co rural.

Para finalizar, Abal subliñou que “só con esa transparencia podemos facer un seguimento rigoroso do Pacto polo Rural, ter trazabilidade sobre o destino dos recursos públicos” e tamén “contribuír a detectar necesidades e mellorar a xestión dos recursos dispoñibles”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *