Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Padrón.17-4-2026.- O Concello de Padrón celebrará o vindeiro mércores 6 de maio a festividade de San Xoán do Raio, unha das citas máis arraigadas no calendario local, que cada ano combina tradición relixiosa, música e un espazo de encontro para a veciñanza.
A programación dará comezo ás 11.45 horas coa recepción oficial das autoridades na Casa do Concello. A continuación, ás 11.55 h, terá lugar a tradicional procesión do santo patrón ata a igrexa parroquial de Santiago de Padrón.
Ás 12.00 horas celebrarase a misa solemne, que contará coa participación da Coral Val do Sar, encargada de poñer o acompañamento musical á liturxia. Ao remate, ás 12.45 horas, a praza de Macías converterase no escenario da sesión vermú, amenizada polos padroneses UYF’75, o Grupo Unión y Fuerza fundado en 1975.
Outro momento importante da xornada será o tradicional xantar de confraternidade, para persoas maiores de 60 anos e pensionistas, que se celebrará ás 14.30 horas no Hotel Scala. Para participar nesta comida será necesario retirar previamente a invitación no centro social ata o día 4 de maio e realizar un ingreso de 10 euros no número de conta que se facilitará no propio centro. No caso das persoas non empadroadas, o custo do xantar será de 41 euros e as invitacións deberán recollerse directamente no Hotel Scala.
A programación completarase ás 21.00 horas cunha nova actuación musical do grupo UYF’75, que volverá subir ao escenario da praza de Macías para animar a bailar.
Desde o Concello de Padrón convídase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta celebración, que cada ano mestura tradición, música e convivencia nunha xornada pensada para todas as idades.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)