AD

Comarca

Padrón presenta un Outono Cultural con teatro, música e humor para todos os públicos

today27 octubre, 2026

Fondo
share close
AD
  • O sábado 7 de novembro a galardoada tamén representará
    o seu novo espectáculo de clown ‘A Estrada’
  • A programación do Outono Cultural encherá de teatro e música os meses de novembro e decembro, con once propostas para todas as idades
  • As actividades celebraranse no Auditorio, agás o espectáculo ‘Piano e candeas’, que terá lugar na igrexa de Santiago

Padrón. 27-10-2026.- O Concello de Padrón presenta unha nova edición do Outono Cultural, que entre o 7 de novembro e o 12 de decembro ofrecerá unha ampla programación de teatro, música e humor para todos os públicos. A primeira cita terá un carácter especial, coa entrega do XXV Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva 2025 á actriz Natalia Outeiro, coñecida como Pajarito, o sábado 7 de novembro.

A programación busca converter novamente o outono padronés nun tempo de encontro arredor da cultura, combinando propostas de compañías consolidadas do panorama galego con actuacións de agrupacións locais e de teatro non profesional. A maioría das citas celebraranse ás 19.00 horas no Auditorio de Padrón, e todas son de entrada libre ata completar a capacidade.

O Outono Cultural abrirase o próximo sábado 7 de novembro coa entrega do Premio Maruxa Villanueva á actriz, pallasa e directora de teatro e circo Natalia Outeiro Pajarito, que presentará o seu novo espectáculo de clown, A Estrada, destinada ao público familiar.

A seguinte cita será o venres 13 de novembro con Ibuprofeno Teatro, que levará ao escenario Bio Construción.

A música será a protagonista o sábado 14 coa celebración do XXXIX Festival Santa Icía, que reunirá sobre o escenario do Auditorio Municipal a Coral Polifónica La Salle de Santiago, a Coral de Luou de Teo e a Coral Polifónica Padronesa.

Xa o venres 20 de novembro, Padrón recibirá o artista Quico Cadaval, que xunto con Producións Teatráis Excéntricas presentará 30 anos a contar historias. Notas de rodapé, unha proposta coa que o narrador e director teatral percorre tres décadas dedicadas á palabra e aos escenarios.

Un día despois, o sábado 21 de novembro, será a quenda da Banda de Música Municipal de Padrón, que ofrecerá o seu tradicional Concerto de Santa Icía.

A programación de novembro pecharase o venres 27, ás 18.30 horas, coa participación da Asociación de Mulleres Rurais A Carballeira de Padrón, que representará a obra de teatro Moldes, de Ramón Torrente García.

Teatro e música para despedir o ano

O Outono Cultural continuará en decembro cunha sucesión de propostas. O venres 4, Teatro Malasombra representará O proceso, mentres que o sábado 5 será a quenda do teatro non profesional con Airiños de Rianxo e a súa obra A vida de Brais.

O martes 8 de decembro chegará unha das propostas musicais máis singulares da programación: Piano e candeas, un tributo ao compositor e pianista italiano Ludovico Einaudi que, excepcionalmente, se celebrará na igrexa de Santiago de Padrón, tamén ás 19.00 horas.

A recta final chegará o venres 11 de decembro con Tarabela Creativa, que porá en escena O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger.

O sábado 12 de decembro será Charamela Teatro quen poña o peche á programación coa representación de Un xogo desastroso, unha nova proposta de teatro non profesional.

Co Outono Cultural 2026, o Concello de Padrón mantén unha programación continuada durante os meses de novembro e decembro, combinando teatro profesional e afeccionado, música e propostas para diferentes públicos, e favorecendo ao mesmo tempo a presenza no escenario de agrupacións e entidades vinculadas á vida cultural do municipio.

Esta cita, xa consolidada no calendario cultural padronés, conta co apoio da Deputación da Coruña e coa inclusión na Rede Cultural.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *