Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 mayo, 2026
No arranque oficial das Festas da Ascensión 2026, a concelleira de Festas e Deportes de Santiago, Pilar Lueiro, defendeu unha programación que combina tradición, música, cultura popular e aposta decidida polo talento galego. Nunha entrevista radiofónica, a edil destacou que o modelo festivo do Goberno local mantén unha “liña moi fixa” baseada en “apostar pola cultura de noso e pola música feita aquí, sexa do estilo que sexa”.
“Se non presumimos nós das nosas cousas, non vai presumir outra xente”, asegurou Lueiro, quen reivindicou o éxito das programacións dos últimos anos lembrando que “levamos tres anos enchendo as prazas da nosa cidade”. A concelleira insistiu en que a presenza de artistas galegos non resta calidade, senón que “dá identidade” ás festas compostelás.
A programación deste ano contará con nomes destacados como Tanxugueiras, Mondra, Alba Reche, Orquestra Marbella, La Oca Band ou os artistas do Santiago 40 Pop. Precisamente sobre Tanxugueiras, Lueiro quixo aclarar unha das cuestións máis comentadas dos últimos días: o acto no Obradoiro non será un concerto convencional. “Vai haber unha escenificación da presentación do novo disco, pero que ninguén vaia pensando nun concerto ao uso”, explicou.
A edil tamén destacou o regreso dunha das demandas máis repetidas pola veciñanza: a presenza dunha orquestra na Alameda na noite previa ao festivo. “Habendo festivo o xoves tampouco era moi lóxico que non houbera unha orquestra na Alameda”, afirmou, subliñando que o Concello foi “pulindo detalles” a partir das críticas e suxestións recibidas noutras edicións.
Lueiro insistiu en que as festas están deseñadas “para todos os públicos e todas as idades”, cunha programación que inclúe folclore, corais, actividades infantís, cantos de taberna, feira cabalar, sesións vermú, romarías e propostas para a mocidade. Entre os momentos máis agardados estarán os cabezudos, os concertos da Quintana e a Romaría das Flores en Belvís.
A responsable municipal puxo tamén o foco nas medidas de inclusión e seguridade previstas durante as festas. Así, anunciou horarios sen ruído nas atraccións para persoas con maior sensibilidade auditiva e a instalación dun Punto Lila na Alameda. “O importante é que a xente desfrute das festas e o pase ben”, resumiu.
A concelleira tamén abordou a recurrente polémica arredor das atraccións e da nora instalada na Alameda, asegurando que o Concello conta cun informe técnico que avala a continuidade destas instalacións no espazo. Segundo explicou, existe supervisión diaria das atraccións e o plan de protección da Alameda permite manter a nora no seu emprazamento actual sempre que se respecte a seguridade e a conservación da contorna, evitando usos inadecuados do espazo como o estacionamento de vehículos detrás das atraccións.
Durante a entrevista, Lueiro tamén abriu o debate sobre o futuro modelo de financiamento dos grandes concertos. Aínda que este ano todas as actuacións serán gratuítas, recoñeceu que no futuro o Concello podería estudar concertos de pago para asumir actuacións de maior formato. “As arcas municipais non teñen fondos ilimitados”, advertiu, apuntando que “non sería ningún drama pagar 20 euros por un concerto que a xente xa paga noutras cidades”.
A concelleira situou o orzamento desta edición arredor dos 470.000 euros e destacou que o custo das festas “encareceu moitísimo” nos últimos anos. A pesar diso, defendeu que Compostela seguirá apostando por un modelo de festas abertas, populares e vencelladas á identidade cultural galega.
No inicio da conversa, Pilar Lueiro tamén celebrou o gran momento do deporte compostelán, coa referencia especial ao ascenso do Obradoiro. “O deporte en Santiago está de moda e en forma”, afirmou emocionada, recoñecendo que viviu os últimos minutos do partido “cun nó no estómago” e entre bágoas pola tensión acumulada.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)