AD

Comercio

Preocupación en Val do Dubra polo peche da oficina de Banco Sabadell

today11 mayo, 2026

Fondo
AD

O Concello de Val do Dubra trasladou oficialmente a súa preocupación ante o anunciado peche da oficina de Banco Sabadell situada en Bembibre, unha decisión que o goberno municipal considera “un importante prexuízo” para a veciñanza do municipio.

Nunha carta remitida á entidade bancaria, o alcalde Diego Luís Díaz Méndez expresa, en nome do Goberno local, o malestar existente entre a cidadanía pola perda dun servizo considerado esencial, especialmente nun concello rural e cunha importante dispersión poboacional.

O rexedor destaca que o peche afectaría especialmente ás persoas maiores, autónomos, pequenos negocios e veciñanza do rural, colectivos que continúan precisando dunha atención bancaria presencial e próxima para realizar xestións básicas do día a día.

Desde o Concello subliñan que, nun territorio como Val do Dubra, a presenza dunha oficina bancaria vai máis alá dun simple servizo financeiro, converténdose nun elemento clave para garantir a cohesión territorial, a inclusión financeira e a igualdade de oportunidades. Ademais, advirten de que a desaparición da sucursal obrigaría a moitos veciños e veciñas a desprazarse fóra do municipio para acceder a servizos básicos.

O goberno municipal tamén lembra na misiva a responsabilidade social das entidades financeiras cos territorios nos que operan, especialmente no rural galego, onde nos últimos anos se vén producindo unha perda progresiva de servizos.

Por todo isto, o Concello solicita formalmente a Banco Sabadell que reconsidere a decisión adoptada e que estude alternativas que permitan manter a atención bancaria presencial en Val do Dubra. Ademais, o executivo local amosa a súa disposición ao diálogo e á colaboración para buscar solucións satisfactorias tanto para a entidade como para a veciñanza.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *