Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 junio, 2026
O Concello de Rianxo avanza nas obras de rehabilitación do Museo do Mar, unha actuación incluída no Plan de Sostibilidade Turística Barbanza Arousa e financiada pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O proxecto conta cun orzamento de 250.000 euros e permitirá modernizar e poñer en valor un dos espazos culturais máis emblemáticos do municipio.
A intervención contempla unha reforma integral das instalacións, coa renovación da cuberta, das fachadas exteriores e da carpintería externa, así como a substitución do pavimento de madeira deteriorado no interior do edificio. Ademais, executarase a renovación do sistema de climatización e levaranse a cabo importantes melloras en materia de accesibilidade para garantir un espazo máis cómodo, eficiente e inclusivo para todas as persoas visitantes.
Coincidindo co vixésimo aniversario da súa apertura, o Museo do Mar inicia unha nova etapa coa que se busca reforzar o seu papel como gardián da memoria mariñeira de Rianxo. O obxectivo é consolidalo como un referente comarcal para a divulgación da historia, das tradicións vinculadas ao mar e da riqueza gastronómica da contorna.
Con esta actuación, Rianxo reafirma o seu compromiso coa conservación do patrimonio cultural e coa promoción dun turismo sostible que contribúa ao desenvolvemento económico e social da comarca.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)