Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 abril, 2026
O líder do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, asegurou hoxe que a declaración de zona tensionada na cidade “é unha decisión do BNG e de CA e, polo tanto, tamén será súa a responsabilidade das consecuencias que se deriven desta medida”.
Verea lembrou que “acabáronse as escusas, dicíamolo hai uns días”, e subliñou que “nestes tres anos o único que presentou o Concello foi a chapuza da zona tensionada, que non saíu adiante e que tardou meses en corrixirse”.
O dirixente popular advertiu de que “o risco desta decisión é evidente”, xa que, segundo indicou, “nas cidades onde se declarou zona tensionada non está a funcionar en ningunha delas”. “Se a experiencia demostra que algo non funciona, xa non é opinión, é ciencia”, afirmou.
Neste sentido, explicou que os efectos xa se están vendo: “propietarios que deixan de alugar, vivendas que desaparecen do mercado, máis dificultades para acceder a un piso, especialmente para familias e mozos, e un transvase cara ao alugueiro de tempada, ademais dun peor mantemento das vivendas”. “É a única medida do BNG e de CA en materia de vivenda, e está demostrado que non funciona”, engadiu, apuntando á A Coruña como exemplo recente.
Verea puxo cifras sobre a mesa: “en só cinco meses pasouse de 718 contratos asinados en xuño antes da declaración a 324 en febreiro, é dicir, desapareceu o 55 % da oferta, 400 vivendas menos para familias na Coruña”.
Fronte a isto, criticou a falta total de políticas de vivenda do goberno local: “non se construíu nin unha soa vivenda pública municipal, non se puxo no mercado nin un só alugueiro público e nada sabemos da empresa municipal de solo”. Ademais, denunciou que o propio goberno que impulsa a zona tensionada“ é o mesmo que se nega a facilitar solo para construír vivenda pública”.
“Limitar prezos sen aumentar a oferta é a receita perfecta para que haxa menos vivenda e máis problemas”, resumiu.
O líder popular cualificou de “incomprensible” que o executivo local non ceda solo á Xunta de Galicia cando, segundo explicou, “a totalidade dos concellos galegos están colaborando activamente”. Así, comparou a situación de Santiago con outros municipios: Ames cedeu solo para 219 vivendas públicas; Pontevedra para 125; Teo para 62; Carballo para 75; e A Coruña para 100. “Santiago, despois de tres anos, cero”, recalcou.
Para Verea, “non estamos ante un debate técnico, senón ante unha decisión política consciente”. “O BNG e CA decidiron vender parcelas públicas en lugar de cedelas para construír vivenda pública, quedando con 5 millóns nas contas bancarias”, indicou.
Neste sentido, formulou unha pregunta directa: “é mellor ter eses 5 millóns no banco ou ter hoxe centos de vivendas públicas en construción, como noutras cidades galegas?”. “Nós teriamos cedido esas parcelas desde o minuto un, e hoxe habería vivenda pública en marcha”, afirmou.
Finalmente, o líder popular concluíu que “Santiago necesita máis vivenda, non máis barreiras” e advertiu de que “o que fai hoxe o goberno do BNG e de CA é complicar aínda máis o acceso á vivenda”.
“Acabáronse as escusas. Haberá que ver os resultados, e os responsables serán quen tomou a decisión”, rematou.
Escrito por Líder Redacción
partido popular (PP) politica Santiago de Compostela vivenda zona tensionada



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)