AD

Comarca

A nova depuradora de Arca encarece o recibo da auga no Pino

today23 abril, 2026

Fondo
share close
AD

• Manuel Taboada asegura que o Concello está pagando unha factura mensual de 18.000 euros polo funcionamento da EDAR
• O alcalde anima a veciñanza a facer “un consumo responsable da auga” e lembra que “o Concello non cobraba a taxa de saneamento, pero agora estamos obrigados a repercutir o custo no recibo”

O Pino. 23-4-2025.- A entrada en funcionamento da nova depuradora de augas residuais de Arca é o motivo principal polo que se incrementou o recibo do servizo municipal de augas do Pino. A cota de sumidoiros e saneamento apareceron este ano por primeira vez no recibo, unha vez que entraron en vigor as tarifas aprobadas no pleno extraordinario celebrado o 10 de novembro de 2025. A veciñanza acaba de recibir os recibos correspondentes ao primeiro trimestre deste ano.

As novas tarifas afectan a uns 671 abonados de uso doméstico e a outros 120 de uso non doméstico (negocios e industrias) que están conectados á traída de auga municipal e á rede de sumidoiros e saneamento.

Manuel Taboada lembra que as tarifas de saneamento só se aplican a aqueles fogares que estean conectados á rede municipal. “Aquelas vivendas unifamiliares ou negocios que teñan depuración propia (sen conectar á rede municipal) e se lles cobrou esta nova taxa de saneamento, deben notificalo no Concello. Despois das oportunas comprobacións in situ, tramitarase a devolución da parte correspondente do recibo nos casos que sexa de aplicación”, afirma o alcalde.

Nos recibos que está a recibir a veciñanza aplícanse xa as novas tarifas, que especifican os prezos a pagar pola subministración de auga, pola conservación do contador e pola tarifa de sumidoiros e saneamento, que foron aprobadas polo Pleno do Concello. No recibo tamén se aplica o canon de auga que establece a Xunta de Galicia.

O alcalde aclara que o maior incremento do recibo vén motivado pola tarifa de sumidoiros e saneamento para sufragar os custos de funcionamento da nova depuradora de Arca, que o Concello está obrigado a repercutir nos recibos. “Ata o de agora, a veciñanza tiña o saneamento gratuíto, porque o Concello non cobraba esta taxa”, explica Taboada, que fai mención aos importantes custos de mantemento da nova EDAR de Arca. “Neste momentos, o Concello paga unha factura 18.135,96 euros cada mes polo funcionamento e mantemento da depuradora de Arca. Este gasto mensual é o que explica o incremento dos recibos”, afirma.

Manuel Taboada anima a veciñanza “a facer un consumo responsable da auga, para abaratar o recibo. O custo do saneamento vai en función da auga consumida en cada domicilio. Canto máis consumamos máis pagaremos no recibo”.

As tarifas aprobadas no pleno do 10 de novembro diferencian entre usuarios domésticos e non domésticos e contemplan unha cota fixa mensual e outra variable en función do consumo de auga, consumo que tamén se ten en conta para cobrar os sumidoiros e o saneamento.

Abonados domésticos

Os prezos establecidos para usuarios domésticos son unha cota fixa mensual de 6 euros (18 € en cada recibo trimestral), e unha variable en función do consumo de 0,20 €/metro cúbico (para consumos de ata 6 m3/mes); de 0,40 € (de entre 7 e 15 m3/mes) e de 0,80 € (máis de 15 m3/mes). O prezo pola conservación do contador supón 1,5 € mensuais (4,5 euros en cada recibo).

A tarifa de sumidoiros e saneamento aplicarase tamén en función do consumo de auga. O fixo mensual para fogares é de 11 euros (33 € en cada recibo), e o variable de 0,50 € o metro cúbico (ata 6 m3 ao mes); 0,70 € (para consumos de 7 a 15 metros cúbicos ao mes) e de 0,95 euros para consumos superiores a 16 metros cúbicos mensuais.
Oficinas, negocios e industrias

A tarifa para abonados non domésticos aplicarase a todos os locais ou establecementos nos que se desempeñe unha actividade industrial ou comercial, así como a centros de ensinanza, deportivos, clubs sociais e recreativos, garaxes e, en xeral, a todos aqueles locais non destinados a vivenda.

Para estes casos a ordenanza establece, para o consumo de auga, unha cota mensual de 12 euros (36 € por recibo trimestral), e unha variable de 0,40 €, de 0,80 € e de 1,00 euro por metro cúbico para os mesmos tramos de consumo.

A conservación do contador ten unha cota de 2,50 €/mes (7,50 € en cada recibo).

As tarifas para  sumidoiros e saneamento nos abonados non domésticos son de 22 euros fixos mensuais (66 € en cada recibo trimestral) máis un variable de 0,70, de 0,95 e de 1,30 euros por metro cúbico para os tres tramos de consumo establecidos.

En todos os casos, a estes prezos hai que engadirlles os correspondentes impostos, como se recolle no recibo.

As tarifas polo consumo de auga aprobadas no Pino para 2026:

Hai que engadir o canon da auga de Galicia, que se aplica segundo o consumo de auga.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *