AD

Actualidad

Álex Doval: «Temos 2,75M€ adxudicados ou en licitación; é un récord para Oroso»

today8 julio, 2026

Fondo
share close
AD
  • O alcalde repasou en Radio Líder Santiago os principais investimentos previstos no municipio, reclamou unha maior implicación da Deputación da Coruña e avanzou unha nova folla de ruta urbanística para «medrar en poboación e medrar con cabeza»

O Concello de Oroso encara os próximos meses cun intenso calendario de obras e un volume de investimento que o alcalde, Álex Doval, cualifica de histórico. Durante unha entrevista en Radio Líder Santiago, o rexedor cifrou en 2,75 millóns de euros as actuacións actualmente adxudicadas ou en proceso de licitación, unha cantidade especialmente significativa para un municipio cun orzamento anual próximo aos nove millóns.

«Temos agora mesmo, ou adxudicados ou licitándose, 2.750.000 euros. É unha cantidade récord para un concello que ten un orzamento de nove millóns», destacou Doval. O alcalde recoñeceu que boa parte dos recursos proceden de financiamento externo, principalmente da Xunta de Galicia e doutras administracións, pero reivindicou o traballo municipal necesario para conseguir os fondos e transformar as axudas en proxectos.

Entre as actuacións máis inmediatas figura a mellora da escola infantil municipal, cun investimento de 150.000 euros financiado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. As obras executaranse durante agosto para aproveitar o período sen actividade escolar. «Imos darlle un lavado de cara importante, tanto interior como exterior», explicou o rexedor, lembrando que o edificio levaba anos sen unha reforma destas características.

Outro dos proxectos destacados será o aglomerado integral de arredor de 35 rúas do núcleo urbano de Sigüeiro. A actuación conta cun investimento de 300.000 euros e incluirá a mellora do firme e a sinalización. Doval pediu «un pouco de paciencia» aos veciños polas molestias que provocarán os cortes de tráfico e avanzou que a intención do Concello é realizar os traballos por fases durante o mes de agosto.

A parroquia de Oroso contará tamén cun novo local social, unha demanda histórica dos seus veciños. O proxecto, dotado con outros 300.000 euros, permitirá crear un espazo para actividades e encontros nunha das parroquias máis poboadas do municipio. «Era a única que non tiña un local social onde poder facer actividades ou simplemente xuntarse», sinalou o alcalde.

O programa municipal de investimentos inclúe igualmente novas sendas peonís en diferentes puntos do concello e actuacións para mellorar a conexión e a seguridade en zonas que, segundo Doval, levaban anos agardando por estas infraestruturas.

Un millón de euros para transformar o Parque do Carboeiro

Un dos proxectos de maior envergadura será a reforma integral do Parque do Carboeiro, cun investimento próximo ao millón de euros. A actuación permitirá renovar o parque infantil, as instalacións deportivas, os camiños, a iluminación e os sistemas de drenaxe dunha zona estratéxica situada na entrada de Sigüeiro e atravesada polo Camiño de Santiago.

«Imos arranxar absolutamente todo: parque infantil, canchas deportivas, camiños e iluminación», explicou Doval. O alcalde confirmou tamén unha das cuestións que, segundo relatou, máis lle trasladan os nenos do municipio: «Hai tirolina. É a pregunta que máis me fan os nenos».

A reforma financiarase coa participación de Turismo de Galicia, a Consellería de Infraestruturas e o propio Concello de Oroso. O rexedor confía en que as obras poidan comezar entre setembro e outubro. «Vai quedar moi ben. É a entrada a Sigüeiro e por alí pasa o Camiño de Santiago», subliñou.

A este proxecto súmanse outras actuacións como a mellora da senda que conecta o Parque do Carboeiro con Oroso de Abaixo, a creación dun refuxio climático na praza Alexandre Bóveda e a renovación integral do parque infantil situado nesta contorna.

O Concello prevé tamén crear un novo parque canino en Porto Avieira. Doval destacou que Oroso conta con arredor de 2.500 mascotas rexistradas para unha poboación próxima aos 8.000 habitantes. «Estamos moi por encima da media», apuntou. O novo recinto contará cunha zona pechada, fonte e diferentes elementos para o recreo dos animais.

Oroso reforza os lazos con Góis

O alcalde de Oroso tamén destacou a nova dimensión que o Concello quixo dar ao irmandamento con Góis, en Portugal, unha relación institucional que se mantén desde hai arredor de 18 anos e que agora busca implicar directamente á veciñanza. «Cando chegamos en 2023 decidimos que o irmandamento dos concellos tiña que ser máis alá dos alcaldes, tiña que ser do pobo», explicou Doval.

Nesa liña, Oroso enviou esta semana a Góis un grupo de 15 mozos e mozas para participar nun intercambio xuvenil, unha experiencia que xa se desenvolvera o pasado ano e que, segundo o rexedor, está tendo unha gran acollida entre as familias. A cooperación inclúe tamén intercambios culturais entre participantes en escolas de pintura e actividades deportivas como a Góis Cup de fútbol, na que os equipos de Oroso acadaron este ano o segundo posto tras proclamarse campións na anterior edición.

«O que intentamos é que a xente vexa que é algo que ten repercusión na sociedade», sinalou o alcalde, quen considera que o irmandamento deixou de ser «unha cuestión de alcaldes e dunha comida oficial» para converterse nun vínculo vivo entre ambos municipios.

Doval lembrou que, cando os actuais responsables municipais asumiron os seus cargos, a reflexión foi clara: «Ou lle damos unha volta ou pechamos o chiringuito». «Ao final démoslle unha volta e eu estou moi satisfeito», concluíu.

«O problema maiúsculo é a pouca implicación da Deputación»

A entrevista abordou tamén a situación política municipal e a relación do goberno local coa Deputación da Coruña. Doval mostrouse especialmente crítico coa ausencia, ao seu xuízo, de investimentos extraordinarios da institución provincial en Oroso.

«O problema maiúsculo é a pouca implicación da Deputación», afirmou o alcalde, que centrou parte das súas críticas no deputado provincial e concelleiro socialista Antonio Leira.

Doval asegurou que, durante os últimos anos, Oroso non recibiu convenios ou investimentos extraordinarios máis alá dos fondos que corresponden ao municipio a través dos plans provinciais. «O POS é o que nos corresponde. Eu falo dun convenio, dunha inversión real», explicou.

O rexedor utilizou unha frase contundente para resumir a súa valoración: «Nin unha mala palabra, nin unha boa acción».

«Eu non estou dicindo que me traia un millón de euros, que estaría encantado, pero en tres anos e pico, case catro de lexislatura, nin un só convenio», afirmou Doval. O alcalde insistiu en que a súa reclamación non responde a intereses persoais: «Eu non pido para min, eu non levo nada. Pido para o Concello».

Doval puxo como exemplo a tramitación da reurbanización da avenida da Grabanxa, un proxecto que, segundo explicou, acumula seis requirimentos administrativos. «Levamos mareando aos veciños desde o ano 2023. Seis requirimentos do mesmo proxecto. Eu estiven na Administración moito tempo e nunca vin tal cousa», lamentou.

Esta demora obrigou ao Concello, segundo explicou, a renunciar por terceiro ano a 270.000 euros de Augas de Galicia destinados á parte municipal da actuación. «É ata vergoñento que por terceira vez teña que dicir que aínda non temos a aprobación definitiva do proxecto nin a licitación e que non podemos executalo», manifestou.

O alcalde diferenciou, con todo, a relación con outros departamentos da institución provincial. Doval destacou a colaboración coa Vicepresidencia da Deputación, encabezada por Xosé Regueira, e citou o convenio de 40.000 euros para sufragar gastos da Festa da Troita e o traballo iniciado para definir o futuro da antiga estación da Garga.

«Teño que dicir que fun á Deputación, estiven con Regueira e tratou moi ben ao Concello», recoñeceu.

Un novo planeamento para «medrar con cabeza»

Máis alá das obras inmediatas, o goberno local sitúa a planificación urbanística entre os grandes retos de futuro de Oroso. O Concello asinou un convenio coa Xunta para iniciar os estudos previos necesarios para modificar o planeamento vixente, que data do ano 2005.

«O plan é de 2005. Desde 2005 ata hoxe todo cambiou», afirmou Doval. O obxectivo é adaptar o desenvolvemento municipal á realidade demográfica e residencial actual e contar, antes de xuño de 2027, cunha folla de ruta clara.

«Queremos ordenar e crecer con sentido. Medrar en poboación e medrar con cabeza», explicou o alcalde.

Doval avanzou que o Concello pretende estudar a ampliación de núcleos para facilitar a construción de vivendas unifamiliares e favorecer a creación de nova oferta residencial. «Temos que intentar axudar a que se constrúa vivenda en Oroso. Hai falta de vivenda, e é importante», advertiu.

O alcalde considera que a actualización do planeamento pode marcar o futuro do municipio nas próximas décadas. «Pese a que non é tan tanxible como unha obra, vai ser un antes e un despois», asegurou.

Cun investimento de 2,75 millóns de euros actualmente en marcha, novas actuacións previstas para os próximos meses e o debate sobre o futuro urbanístico xa sobre a mesa, Doval defendeu a actividade do seu goberno e confirmou tamén a súa disposición a optar novamente á Alcaldía se conta co respaldo dos seus compañeiros.

«Teremos erros e sempre pido desculpas porque nunca facemos as cousas a gusto de todos, pero o que non se pode achacar é que non traballemos e non saquemos as cousas adiante», concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *