AD

Comarca

Arzúa inviste máis de 500.000 € en melloras viarias e instalacións deportivas

today21 abril, 2026

Fondo
share close
AD
  • A Xunta de Goberno Local de Arzúa aprobou a proposta de contratación de tres actuacións en pistas das parroquias e adxudicou a reparación das instalacións deportivas

Arzúa 21 de abril de 2026. A Xunta de Goberno Local do Concello de Arzúa aprobou diferentes actuacións destinadas á mellora da rede de pistas das parroquias e das instalacións deportivas municipais.

En total, os acordos adoptados supoñen un investimento de 522.784,43 euros, dos cales 333.039,03 euros corresponden a obras de mellora en pistas municipais das parroquias, mentres que 189.745,40 euros se destinan á reparación das instalacións deportivas.

Reparación das instalacións deportivas municipais

A Xunta de Goberno Local adxudicou a obra “Reparación das instalacións deportivas”, cun investimento de 189.745,40 euros, IVE incluído.

Esta obra xa se atopa adxudicada, polo que o Concello xa conta coa empresa encargada de executar os traballos, unha vez completado o correspondente procedemento de contratación pública.

A obra lévase a cabo a través dun convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Arzúa, polo que a institución provincial financia o 80% do investimento e o Concello achega o 20% restante de fondos propios.

As actuacións teñen como obxectivo corrixir danos derivados do paso do tempo na piscina municipal exterior e no graderío do campo de fútbol, evitando unha maior degradación destas infraestruturas municipais.

Na piscina municipal exterior, os traballos permitirán renovar  o vaso da piscina e elementos da zona perimetral, mellorar o sistema de desbordo, reforzar a impermeabilización e acondicionar o acceso á zona de instalacións.

No graderío do campo de fútbol, a intervención permitirá reforzar a protección fronte á choiva, renovar elementos laterais, reparar a estrutura da cuberta e optimizar a evacuación da auga.

Melloras en pistas das parroquias

No ámbito das parroquias, a Xunta de Goberno Local aprobou a proposta de contratación de tres actuacións viarias orientadas á mellora do firme, da drenaxe e da seguridade en diferentes pistas municipais.

A primeira delas é a obra “Mellora do viario por Desguace, en Bosende” (Parroquia de Calvos), incluída no POS+ Adicional 2/2024, cun orzamento base de licitación de 88.534,44 euros, IVE incluído.

Esta actuación permitirá mellorar unha pista de arredor de 3 quilómetros, así como diferentes zonas de conexión e acceso, coa finalidade de renovar o firme e favorecer unha circulación máis segura e cómoda para a veciñanza.

Tamén se aprobou a proposta de contratación da obra “Reforzo do firme no viario de Santa María á Igrexa de San Salvador” (Parroquia de Santa María), igualmente incluída no POS+ Adicional 2/2024, cun orzamento base de licitación de 60.211,83 euros, IVE incluído.

Neste caso, os traballos permitirán reforzar o firme, mellorar a drenaxe e renovar a sinalización horizontal da pista, contribuíndo á seguridade viaria nesta contorna.

A terceira actuación corresponde á aprobación da proposta de contratación da obra “Reforzo do firme no viario Sisto-Salmonte” (Parroquia de Pantiñobre), incluída no POS+2024, cun orzamento base de licitación de 184.292,76 euros, IVE incluído.

Esta intervención permitirá mellorar o firme, a drenaxe, a sinalización e a seguridade, incluída a colocación de barreiras de protección nun dos puntos previstos.

Coa aprobación destas propostas de contratación, o Concello poderá avanzar na licitación das obras para seleccionar as empresas encargadas da súa execución.

O Concello de Arzúa continuará informando dos avances e prazos destas actuacións, enmarcadas nunha planificación orientada á mellora e mantemento progresivo da rede de pistas municipais e infraestruturas, fundamental para a mobilidade diaria da veciñanza das parroquias e garantir servizos públicos de calidade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *