Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 julio, 2026
2 de xullo de 2026.- O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou hoxe Brión, onde asinou co alcalde, Pablo Lago Sanmartín, o convenio de cooperación para executar as obras de remodelación do campo de fútbol José Pumar, na parroquia de Bastavales. Posteriormente, ambos comprobaron o resultado dos traballos de ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos. Dúas infraestruturas nas que a Deputación da Coruña achega 500.000 euros, mentres que o Concello de Brión se fai cargo do máis de medio millón de euros restante.
Un acto no que estiveron presentes os concelleiros de Cultura, Sandy Cebral; Deportes, Carlos Noya; Obras, José Antonio Vidal; e Servizos Sociais, Rosa Romero; así como o deputado Xosé Luís Penas, deputado provincial de Patrimonio, Contratación e Equipamento.
Demanda social
Formoso destacou que estas actuacións “responden a unha demanda do Concello e das entidades deportivas, pero tamén das familias e dos centros educativos, porque son espazos que teñen un uso diario e que son fundamentais para a vida social e deportiva de Brión”.
O presidente enmarcou estas obras no apoio que a Deputación presta ao concello de Brión para mellorar as súas infraestruturas e servizos públicos, con actuacións que suman máis de 15,8 millóns nos últimos once anos e entre as que destacan os investimentos do Plan Único (POS+), con 8,6 millóns e 40 obras executadas no municipio.
Pola súa banda, Pablo Lago agradeceu o apoio da Deputación a “un proxecto moi necesario xa que o actual polideportivo quedou pequeno e precisabamos dun espazo que serva tanto para a práctica deportiva como para acoller actividades educativas organizadas tanto polo Concello de Brión como polo colexio de Pedrouzos e o IES Brión”.
Sobre as obras de remodelación do campo de fútbol José Pumar, o alcalde salientou que “se trata dunha obra de máis de medio millón de euros, pola que levamos moito tempo traballando para conseguir o financiamento necesario e que cada día está máis preto de ser unha realidade. Unha remodelación integral que permitirá dar resposta ás necesidades da veciñanza e do Bastavales UD”.
Remodelación integral do campo de fútbol José Pumar
No caso do campo de fútbol José Pumar, a Deputación achegará 350.000 euros, o 65% dun orzamento total de 537.917 euros. A actuación permitirá transformar por completo unha instalación moi utilizada que actualmente presenta un avanzado estado de deterioro. A principal mellora será a substitución do actual terreo de terra por céspede artificial de última xeración, cunha superficie de xogo de 95 metros de longo por 65 de ancho, apta para fútbol 11 e para o marcaxe transversal de dous campos de fútbol 8.
O proxecto inclúe tamén o movemento de terras, a execución dunha base granular de zahorra compactada, a instalación dunha capa elástica amortiguadora baixo o pavimento sintético, unha rede de rego automatizada con seis aspersores emerxentes e unha nova canle de recollida de augas pluviais para evitar encharcamentos.
Ademais, renovarase por completo o sistema de iluminación mediante catro torres de 18 metros equipadas con proxectores LED de alta eficiencia, co obxectivo de mellorar a visibilidade e reducir o consumo eléctrico. A intervención completarase co acondicionamento dunha parcela colindante para crear un novo aparcamento con capacidade para 71 prazas. O prazo estimado de execución das obras é de tres meses.
Pavillón municipal de Pedrouzos
Durante a visita, o presidente da Deputación e o alcalde de Brión tamén supervisaron o resultado das obras de ampliación do pavillón municipal de Pedrouzos, unha actuación que contou cun orzamento de 540.346,08 euros, dos que a Deputación financia 150.000 euros.
As obras permitiron ampliar o pavillón existente cun novo volume adosado ao lateral do edificio actual, orientado cara ao IES de Brión, e cunha pérgola de acceso e espera que conecta a instalación existente coa nova ampliación. Esta pérgola servirá tamén como zona de resgardo para o alumnado do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión nas entradas e saídas do transporte escolar.
A nova ampliación permite contar cun espazo deportivo multiusos e multideporte, pensado para acoller competicións, actividades extraescolares e tamén encontros culturais ou sociais, como concertos, exposicións ou actos públicos. A intervención permitiu eliminar barreiras arquitectónicas e incluír solucións para mellorar o confort interior, como un revestimento absorbente acústico que reducirá a reverberación durante a práctica deportiva e o uso colectivo da instalación.
A ampliación do pavillón deportivo ten unha superficie de 648 metros cadrados, aos que se suman arredor de 130 metros cadrados da pérgola de acceso. O novo inmoble conta cunha capa impermeabilizante e con paneis absorbentes acústicos, polo que manterá unha boa temperatura e evitará a reverberación do son, facéndoo máis axeitado para a práctica de calquera tipo de actividade cultural, social ou deportiva no seu interior.
Ademais, esta actuación reforza o complexo deportivo de Pedrouzos, onde que se concentran equipamentos como a piscina municipal cuberta e o ximnasio, o polideportivo municipal, esta nova ampliación e o próximo peche do patio do Instituto de Brión, de forma que poderá tamén ser empregado pola veciñanza brionesa fóra do período lectivo do centro.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)