AD

Deportes

Nace o I Campus Futsal Arzúa para fomentar o deporte base entre a infancia

today8 junio, 2026

Fondo
share close
AD

8 de xuño de 2026. O Concello de Arzúa impulsa este verán o I Campus Futsal Arzúa, unha actividade deportiva municipal dirixida a nenas e nenos nados entre os anos 2010 e 2021. A proposta busca fomentar o deporte base, a convivencia, o compañeirismo e os hábitos saudábeis durante o inicio do período non lectivo.

O campus desenvolverase do 29 de xuño ao 3 de xullo, contará cun total de 50 prazas dispoñíbeis e terá inscrición gratuíta. O prazo para anotarse permanecerá aberto do 10 ao 19 de xuño a través das canles habilitadas polo Concello de Arzúa, segundo as bases da convocatoria.

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, explicou que este novo campus “dá continuidade á aposta polo fútbol sala que se viña desenvolvendo nestas datas a través do Campus Futsal Diego Quintela, unha proposta que funcionou ben, que espertou interese entre as familias e que contribuíu á promoción deportiva entre a infancia do noso concello”.

En relación coa non continuidade do Campus Diego Quintela, Carril quixo aclarar que a proposta que se presentou ao Concello para este ano contemplaba un campus só de tres días de duración, fronte aos cinco días habituais das edicións anteriores. Así mesmo, explicou que esta minoración de días non se correspondía cunha redución proporcional do custo que a actividade lle supón ao Concello.

Por estes motivos, o Concello optou por promover unha alternativa que permitirá manter a oferta de 5 días, combinada cun programa deportivo atractivo para a rapazada, cun formato e un custe para o Concello máis vantaxoso.

Nesa liña, o alcalde destacou que o I Campus Futsal Arzúa “contará por primeira vez con criterios sociais e de proximidade para ordenar a inscrición e dar preferencia ás familias de Arzúa”. “Queremos que este campus sexa aberto e participativo, pero tamén que responda, en primeiro lugar, ás necesidades da nosa veciñanza. Esta preferencia non impedirá a participación de nenas e nenos doutros concellos no caso de existiren prazas dispoñíbeis”, sinalou.

A nova proposta contará cun alto nivel técnico e deportivo grazas á colaboración coa Agrupación Deportiva Veteranos Compostela, entidade cunha ampla traxectoria no ámbito deportivo e na organización de actividades formativas vinculadas ao fútbol sala.

“A participación dunha entidade co prestixio e a experiencia da Agrupación Deportiva Veteranos Compostela permítenos ofrecer unha actividade ben organizada, con contidos técnicos axeitados e cun enfoque educativo arredor do deporte”, destacou Carril.

“Animamos ás familias de Arzúa a participar neste novo campus, unha proposta pensada para que as nenas e nenos poidan gozar do fútbol sala, aprender e compartir uns días de deporte no inicio do verán”, concluíu o alcalde.

O I Campus Futsal Arzúa celebrarase do 29 de xuño ao 3 de xullo. O prazo de inscrición estará aberto do 10 ao 19 de xuño e as prazas estarán limitadas a 50 participantes.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *