AD

Comarca

Brión acolle a entrega do VIII Premio Laudamuco e a estrea de “Polo de Franco”

today16 mayo, 2026

Fondo
share close
AD

A sala municipal de exposicións de Brión acollerá hoxe sábado 16 de maio, ás 18:00 horas, o acto de entrega da oitava edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, un certame literario convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. Un acto presidido polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, que fará entrega do galardón á coruñesa María Peinado Casal pola súa obra «Maseira”. Un premio consistente nunha figura conmemorativa elaborada polo artista Xosé Vizoso, unha achega económica de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas, libro que será agasallado ás persoas presentes no acto.

O xurado destacou da obra premiada “a súa orixinalidade, temática, uso da lingua e estrutura teatral”. Así mesmo, salientou “o seu carácter antibelicista, tratado dunha maneira non dogmática, o que permite unha lectura crítica e aberta. A narración constrúe un certeiro retrato dun mundo apocalíptico que conecta directamente coa realidade que vivimos no presente: a proposta sitúase en sintonía coa actualidade internacional, pero mantense ben asentada na realidade galega”.

Polo de Franco

Despois, o centro social polivalente de Brión acollerá a estrea de “Polo de Franco”, unha nova produción unipersoal de Teatro Noroeste consistente nunha comedia protagonizada por Luma Gómez, actriz que vén de recibir o Premio de Honra Marisa Soto 2026 á súa traxectoria, entregado no marco dos XXX Premios María Casares. O espectáculo, escrito e dirixido por Eduardo Alonso, é unha comedia que xira arredor da figura histórica Carmen Polo, a esposa do ditador franquista.

O espectáculo, producido por Teatro do Noroeste, conta coa colaboración do Concello de Brión, onde se levará a cabo a estrea e a residencia técnica da montaxe. A estrea terá lugar no Centro Social Polivalente de Brión o sábado 16 de maio, ás 20:30 horas. Tamén contará cunha segunda función o luns 18 de maio, que será unha representación para o alumnado do IES de Brión.

A obra está dirixida por Eduardo Alonso, autor prolífico do teatro contemporáneo galego que ten un especial interese no traballo de textos ambientados na guerra civil, posguerra e franquismo. De feito, esta xa sería a súa sexta obra dramatúrxica sobre esta temática. Desenvolveu o proceso creativo a partir dun traballo de investigación e documentación histórica que foi trasladado a unha linguaxe teatral nun formato accesible para o público contemporáneo. É unha revisión accesible, crítica e con enfoque de xénero da historia recente promovendo a memoria democrática, con especial atención no público adolescente e a mocidade. Este espectáculo é froito dunha investigación histórica.

O proxecto pon o foco nunha personaxe feminina que na historia do noso país foi tradicionalmente situada nun segundo plano nos relatos oficiais. A través dunha proposta escénica que combina humor, ironía, rigor histórico e proximidade, constrúe un diálogo interxeracional co presente que cuestiona a representación do poder na historia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *